Monday 20 de May de 2024

Compostela súmase ás reivindicacións do 25N coa lectura dunha declaración institucional contra a violencia machista


O Concello de Santiago súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres mañá 25 de novembro, coa lectura por parte dos membros da Corporación dunha declaración institucional na que se condenan “todas as formas de violencia machista” e comprométense a traballar “na súa eliminación de todos os espazos do Concello” con medidas concretas e de xeito coordinado con outras institucións.

Con motivo do 25N, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron esta mañá nun acto na praza do Obradoiro na que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 26 de outubro. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os/as concelleiros/as Mercedes Rosón (PsdG), Borja Rubio (PP), María Rozas (CA), Míriam Louzao (BNG) fixeron lectura do texto que pechou a rexedora.

Impulsada polos catro grupos políticos municipais, a declaración recolle a preocupación da Corporación polo “recrudecemento dalgúns tipos de violencias contra as mulleres” e pola “expansión dunha vaga reaccionaria que nega a violencia machista” nestes últimos anos. Así, refírese aos datos do XV informe anual do Observatorio Estatal da violencia sobre as mulleres 2021, segundo os que “o 86,2% de delitos contra a liberdade e indeminidade sexual cometéronse contra mulleres” e “das 14608 vitimizacións de mulleres por este tipo de delitos, rexistráronse 287 de corrupción de menores ou persoas con discapacidade e 432 relacionados con contactos tecnolóxicos con menores de 16 anos”.

Fronte esta realidade, a declaración remarca a necesidade desde o Concello de “dotarnos de máis ferramentas para a prevención e actuación ” e concretamente “reforzar os servizos de atención e acompañamento ás mulleres, especialmente ás mulleres vítimas de violencias machistas”.

Con este fin, a Corporación comprométese a “traballar na súa eliminación de todos os espazos do concello” e expón algunhas medidas concretas como a formación do persoal para “incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas da violencia machista a todos os niveis de acción”; a mellora da coordinación, prevención e intervención fronte a violencia machista en colaboración con outras administracións, ou garantir que os espazos municipais sexan “espazos seguros para as mulleres”.

O manifesto tamén reitera “o compromiso do Concello de Santiago co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero” no seu papel como “primeiro punto de acceso, apoio e asesoramento para as mulleres vítimas de violencia machista e as súas familias” e insta á Xunta de Galicia a “aumentar as prazas nas casas de acollida e aumentar o número para que poidan utilizalas máis mulleres con casuísticas nas que converxen múltiples vulnerabilidades que aumentan o nivel de risco”.

O teu machismo dá noxo

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, o vindeiro 25 de novembro, o Concello puxo en marcha ao longo deste mes unha campaña coa intención de convidar á cidadanía a reflexionar sobre os comportamentos e formas de violencia machistas nas redes sociais e no mundo do deporte.

No marco desta iniciativa, desde principios deste mes estanse a difundir unha serie de mensaxes a través de diferentes soportes como carteis, vasos, manteis, bolsas empregados nos establecementos comerciais e hostaleiros adscritos, así como a través de imaxes nos autobuses urbanos e marquesiñas, lonas desepregadas en diferentes edificios emblemáticos e espazos deportivos ou proxeccións nalgunhas prazas da cidade. Tamén se publicaron unha serie de pílulas informativas nas redes sociais do CIM, de Compostela, Territorio das Mulleres e de Casa Xohana Torres protagonizadas por mulleres deportistas da cidade coa finalidade de facer reflexionar á sociedade sobre o machismo no mundo do deporte.

Estas mensaxes pretenden apelar directamente a todas as persoas que os ven coa intención de convidar á cidadanía a reflexionar sobre comportamentos machistas como o mansplaining, sextorsión, insultos e escalificacións…Cada unha destas formas de violencia van acompañadas das correspondentes definicións para aquelas persoas que non estean familiarizadas con elas, e a nivel visual, de alimentos en estado de descomposición que buscan provocar noxo e rexeitamento no receptor/a, e que esta emoción se dirixa tamén contra quen exerce esa violencia.